Concello e Sanidade asinan o protocolo para a ampliación do centro de saúde do Rosal

CONCELLO E SANIDADE ASINAN O PROTOCOLO PARA A AMPLIACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE DO ROSAL

A alcaldesa amosou a súa preocupación pola situación sanitaria actual e o compromiso do Goberno municipal por colaborar na mellora das infraestruturas

Concello e Sanidade asinan o protocolo para a ampliación do centro de saúde do RosalA alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinaron este xoves o protocolo de colaboración para a execución das obras de reforma e ampliación do centro de saúde rosaleiro, un edificio construído no ano 1992 que na actualidade presta asistencia a 4.658 tarxetas de identificación sanitaria e que é preciso modificar para a incorporación de novos profesionais e servizos.

O Concello do Rosal xa presentou á Consellería de Sanidade un informe realizado polo equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal sobre a situación urbanística da contorna do centro de saúde, importante a ter en conta para establecer as posibles intervencións. Ademais, tamén solicitou xa á Xunta o anteproxecto, o proxecto ou a documentación na que se recollan as necesidades marcadas por Sanidade nesta reforma e a delimitación exacta dos terreos necesarios para dar os pasos precisos a nivel urbanístico ou incluso, en caso de precisalo, “estudar a posibilidade dun novo emprazamento para a construción dun centro de saúde novo”.

Durante o encontro, Fernández Callís amosou a preocupación do Goberno municipal pola situación sanitaria no Rosal, xa que o centro de saúde conta na actualidade cun cadro de persoal minguado, no que seguen sen cubrirse todas as prazas de persoal sanitario, e o consultorio de San Miguel de Tabagón permanece pechado. Neste intre ao Rosal correspóndelle catro médicos ou médicas de familia e en ningún momento se cubre a totalidade. Por outra banda, o centro de saúde non dispón de todos os servizos necesarios para atender á poboación. A alcaldesa urxiu á Xunta de Galicia a que invista en atención primaria e cubra as prazas pendentes e tendeu a man “a colaborar en todo o que poidamos na mellora das infraestruturas, ben sexa ampliando o centro actual ou coa construción dun novo”.

A rexedora acudiu ao encontro acompañada dos concelleiros Carlos Villanueva e Ramón Fernández Leal, dunha das médicas da Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal e un integrante do equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Durante a reunión, Fernández Callís trasladou tamén ao conselleiro as necesidades detectadas tras unha reunión mantida co propio persoal sanitario do Rosal e que non están recollidas no plan de infraestruturas.