Concello e UD Ribera perfilan as necesidades do campo de fútbol da Mata

CONCELLO E UD RIBERA PERFILAN AS NECESIDADES DO CAMPO DE FÚTBOL DA MATA

Alcaldesa, concelleiro, equipo técnico e responsables do club visitaron as instalacións para incorporar ao proxecto de renovación do campo aspectos fundamentais para o desenvolvemento da actividade deportiva

O Concello do Rosal continúa apostando pola renovación de infraestruturas contando coa participación veciñal. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, visitou o campo de fútbol municipal da Mata xunto ao concelleiro de Deportes, Germán Fernández; a un equipo técnico e a responsables e coordinadores da UD Ribera para revisar as posibles necesidades técnicas detectadas polo club para incorporalas á redacción do proxecto de renovación das instalacións. “É un proxecto que queremos sacar adiante en breve e queremos facelo tendo en conta as necesidades que os propios usuarios e usuarias encontran para solucionar así posibles problemáticas”, explica a rexedora.

Ademais do cambio de céspede contemplado no proxecto, durante o encontro perfiláronse novos aspectos a incorporar, como a renovación dos banquiños, a modernización do sistema de aspersión, a mellora dunha valla e do son ou a colocación dun peche na zona de tribuna, entre outros elementos. “Xa estamos a traballar na redacción do proxecto que permita incluír nos pregos de licitación todas estas necesidades detectadas, implementando ademais unha calidade do céspede artificial elevada”, salienta Fernández Callís.

Para a redacción do proxecto o Concello conta cun equipo técnico especializado que coñecerá experiencias que se están a levar a cabo noutras instalacións, visitando campos de fútbol renovados recentemente e nos que xa se contrastou un bo funcionamento.

Alcaldesa, equipo técnico e directiva da UD Ribera aproveitaron a visita para avaliar a evolución das obras dos vestiarios que se están a realizar nestas instalacións e que se atopan xa en fase final.