Concerto de outono para celebrar o aniversario da Coral da Agrupación Musical do Rosal

CONCERTO DE OUTONO PARA CELEBRAR O ANIVERSARIO DA CORAL DA AGRUPACIÓN MUSICAL DO ROSAL

Actuarán no auditorio municipal este domingo 30 de outubro ás 17.30 horas. Entrada de balde

Fin de semana musical no Rosal. A Coral da Agrupación Musical do Rosal celebrará este domingo o seu 18 aniversario cun Concerto de Outono no auditorio municipal ao que convidan a asistir a toda a veciñanza.

Unha actuación ás 17.30 horas á que se poderá acceder de forma gratuíta e libre ata completar aforo na que o público poderá desfrutar dunhas voces únicas. Neste concerto de aniversario, a Coral da Agrupación Musical do Rosal estará acompañada pola Coral Airiños de Nós de Oleiros e pola Coral Polifónica de Vila Nova de Cerveira.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a todos os rosaleiros e rosaleiras “a gozar dunha tarde de lecer para toda a familia escoitando música de calidade e de balde ao abeiro dun programa cultural preparado para estes meses de outubro e novembro con todo o agarimo e no que se inclúen actividades para todos os públicos e para todos os gustos”.