'Tinta do mar' con Polo Correo do Vento

Contacontos ilustrado no Rosal para mergullarse na historia da escritora Luísa Villalta

Será da man de Polo Correo do Vento este martes 16 de xullo ás 12.3o horas no auditorio municipal de balde

O Rosal prepárase para mergullar aos máis pequenos e pequenas na historia da escritora Luísa Villalta. O Concello acolle este martes 16 de xullo ‘Tinta do Mar’, un contacontos ilustrado co que festexar as Letras Galegas e divulgar a biografía e traxectoria da autora homenaxeada neste 2024.

Polo Correo do Vento será o encargado de facer desfrutar á cativada cunha proposta na que alternará a narración da vida de Luísa Villalta coa creación dunha ilustración sobre a autora. Ademais, o espectáculo contará coa interpretación de distintas pezas musicais e se pechará cun pequeno coloquio adaptado a idade da rapazada participantes e cun taller no que cada persoa asistente poderá realizar a súa propia caricatura da escritora.

O contacontos será ás 12.30 horas no auditorio municipal do Rosal con entrada de balde. Dende o Concello convídase a toda a rapazada a participar neste encontro co que se busca dar a coñecer a figura de Villalta, escritora, filóloga e violinista á que a Real Academia Galega (RAG) dedicou este ano o Día das Letras Galegas. Escritora de poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, artigos xornalísticos e traducións, a RAG destaca dela que foi unha creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeu na segunda metade dos anos 80 e principios dos 90.