Cooperación, solidariedade e reciclaxe este sábado con Traperos de Emaús

COOPERACIÓN, SOLIDARIEDADE E RECICLAXE ESTE SÁBADO CON TRAPEROS DE EMAÚS

O Concello organiza unha conferencia con esta asociación pioneira en Europa no aproveitamento de residuos. Será ás 17.00 h no salón de plenos

O compromiso ambiental e social son as bases de Traperos de Emaús, unha asociación pioneira en Europa no campo da reutilización e aproveitamento de residuos e que este sábado 25 de marzo falará no Rosal da súa filosofía colectiva e do traballo que están a desenvolver.

Será nunha charla no salón de plenos do Concello a partir das 17.00 horas na que durante a primeira parte do encontro se explicará en que consiste a actividade desta asociación, que “loita por un mundo máis xusto e solidario, facilitando a incorporación laboral a través do traballo de recollida, reutilización e reciclaxe de obxectos que pon á venda nos seus propios rastros”.

Xa a partir das 17.30 horas o público poderá falar por videoconferencia con José Mari García Bresó, fundador deste colectivo no ano 1972 cun fin social e ambiental que prioriza a acollida de persoas con dificultades e que na actualidade conta con máis de 290 compañeiros e compañeiras.

As persoas que non poidan asistir de forma presencial poderán facelo de xeito telemático. O Concello informará da vía de conexión á videoconferencia a xornada previa.

A conferencia está aberta a todos os públicos e será de balde con entrada libre ata completar aforo.