06 Set 2024 Desfrutando do deporte inclusivo ao aire libre tamén na 15K Atlántico coa cadeira todo terreo do Rosal
Un dos participantes na carreira está adestrando xunto cun grupo de voluntarios e voluntarias coa Joëlette
O Concello anima a calquera persoa interesada a solicitar a cadeira, dispoñible durante todo o ano
O Concello sigue apostando por un Rosal máis inclusivo e accesible, tamén para facer deporte. Estes días, un rapaz da contorna co apoio dun equipo de voluntarios e voluntarias está a adestrar polos montes rosaleiros para participar na carreira 15K Atlántico coa Joëlette, unha cadeira todo terreo para persoas con mobilidade reducida que o Concello pon a disposición da veciñanza durante todo o ano.
Como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “para nós é un orgullo poder ofrecer un servizo que permite gozar da nosa contorna a todas as persoas de forma permanente, sen importar a condición física. E a Jöelette permítenos dar un paso máis para facer do Rosal un municipio accesible para todas e todos, sen excepción”.
A Jöelette é unha cadeira especial cunha soa roda e dous elementos de agarre, un traseiro e outro dianteiro, que permite a persoas con mobilidade reducida realizar rutas ou carreiras adaptadas por calquera tipo de terreo. Para o seu uso, a persoa usuaria debe ir sempre acompañada polo menos por dúas persoas, unha que garanta o equilibrio e outra que poida traccionar e dirixir a cadeira.
Con este servizo, o Concello do Rosal reafirma o seu compromiso coa accesibilidade, integrando a diversidade e garantindo que todas as persoas poidan participar plenamente na vida do municipio, desfrutando tamén dos seus espazos naturais.