O Rosal retoma a súa San Silvestre

San Silvestre 2022

A tradicional carreira de San Silvestre chega de novo ao Rosal tras dous anos sen poder celebrarse por mor da situación sanitaria. Unha proba que volve ás rúas rosaleiras con máis forza se cabe e para a que xa está aberto o prazo de inscrición. Ata o vindeiro 27 de decembro as persoas interesadas poderán rexistrarse a través da web do Concello para participar en calquera das dúas probas que se realizarán: unha andaina pensada para o público infantil de 2,3 km e unha carreira non competitiva de 4 km.

A andaina sairá ás 10.00 horas dende o pavillón municipal cara a Simón do Mazo para percorrer a rúa dos Castros, Campo da Feira, Camiño da Gandarela e Estrada da Morraceira para continuar polo camiño Campo da Feira, a rúa Simón do Mazo e rematar na renovada Praza do Calvario, un escenario único.

Alí tamén rematará a carreira, que sairá ás 11.00 horas tamén dende o pavillón a Simón do Mazo para percorrer a rúa dos Castros, Campo da Feira, Camiño da Gandarela, Camiño da Laxe, Camiño Tiarxo, Camiño Laxe do Campo, Camiño a Maceira, Estrada da Morraceira, Estrada de Furnos e Camiño Pampaloas para continuar polo camiño Campo da Feira e a rúa Simón do Mazo ata a Praza do Calvario.

As persoas interesadas en participar nesta cita que cada fin de ano reúne a rosaleiros e rosaleiras para desfrutar do deporte saudable ao aire libre dun xeito divertido poden encher o formulario de inscrición cos seus datos persoais. Os dorsais poderán ser recollidos no Concello antes do día 31 de decembro ou o mesmo día das probas de 09.00 a 10.00 horas os e as participantes na andaina infantil e de 10.00 a 11.00 horas as persoas inscritas na carreira.

Como é tradicional, non haberá categorías diferenciadas e ao remate da San Silvestre todas as persoas participantes serán agasalladas cunha chocolatada e participarán no sorteo de tres cestas de Nadal. Ademais, ás 12.00 horas haberá badaladas e sesión vermú con Sapoconcho sem Poncho.

  • 00

    days

  • 00

    hours

  • 00

    minutes

  • 00

    seconds

Date

Dec 31 2022

Time

10:00 am
Categorías
No Comments

Post A Comment