‘Voces e raíces’
Chega ao Rosal ‘Voces e raíces’, unha mostra artística posta en marcha por tres novas creadoras: a rosaleira Sara Cividanes, a tomiñesa Yaiza Vila e a vasca Nayade Castro. As tres estudantes de Belas Artes na Universidade de Vigo fan a súa primeira incursión no mundo artístico cunha exposición colectiva que poderá visitarse de balde os días 11, 12, 18 e 19 de xaneiro e que acollerá ademais outras actividades paralelas.
A mostra inaugurarase o sábado 11 ás 16.30 horas cunha presentación do proxecto que estará amenizada pola frautista Ana Domínguez e a pianista Viktoriia-Nadiia Salo. A actividade continuará ás 17.30 horas cunha mesa redonda sobre memoria histórica na que participarán Silverio Rivas, Bieito Alonso, Helena Pousa e Moncho Leal, que acompañarán ao público nunha reflexión colectiva sobre o valor da memoria.
‘Voces e raíces’ recolle o traballo de 14 artistas que a través de obras pictóricas, fotografías, creacións audiovisuais ou fancines afondan sobre a memoria como concepto, combinando perspectivas íntimas e colectivas. Deste xeito, o público poderá ver a obra de Ada Pérez, Ana Llegue, Antía Rodríguez, Carlota Montes, Carolina Ferro, Chuvia Lago, Claudio Sanemetrio, Lucía Ladero, Lucía Rodríguez, María Dueñas, Marta Díaz, Mónica Pérez, Raquel Rodríguez e a propia Nayade Castro.
No Comments