
06 Xul 2023 EMOCIONANTE XORNADA DE CICLISMO NO BAIXO MIÑO CO CAMPIONATO DE GALICIA
Máis de 140 participantes desafiarán este domino 9 as esixentes probas nun espectacular percorrido entre O Rosal e A Guarda
A emoción do ciclismo regresa esta fin de semana ao Baixo Miño co Campionato de Galicia das categorías cadetes, junior e féminas organizado polo Club Ciclista O Rosal. Como lugar de saída e meta, a Praza do Calvario será testemuña desta intensa competición que contará coa participación de máis de 140 persoas inscritas nestas tres probas independentes. O evento promete ser un espectáculo de velocidade e resistencia nun percorrido desafiante.
Deste xeito, este domingo 9 de xullo ás 11.00 horas tomarán a saída as e os participantes da categoría cadetes, que se enfrontarán a un percorrido de 60 km. Mesma distancia para féminas cadetes, junior e máster, que sairán do centro do Rosal ás 13.00 horas. Xa pola tarde, ás 16.30 horas comezarán a carreira junior e féminas élite/sub23, que se enfrontarán a un percorrido de 108 km.
O Alto da Portela presentarase como a principal dificultade en todas as probas, chegando a subilo ata tres veces na categoría junior masculina e unha no resto de categorías. As e os ciclistas participantes enfrontaranse a este desafío para poñer a proba a súa resistencia e habilidades de montaña.
Os percorridos de todas as probas atravesarán O Rosal e A Guarda, brindando ás e aos deportistas a oportunidade de desfrutar da beleza da costa e do interior destes municipios. A competición contará cun Premio de Meta Voante na Guarda e un Premio da Moñana no Alto da Portela rosaleiro.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, expresou o seu entusiasmo por acoller este evento deportivo de grande envergadura. “É un orgullo ser saída e meta deste campionato, unha oportunidade marabillosa para amosar a beleza do noso municipio e promover o deporte entre a nosa mocidade. Agardo que todas e todos os participantes desfruten dunha xornada que vai estar repleta de emocións”, resaltou a rexedora na presentación do campionato.
No encontro tamén estiveron presentes membros da organización do Club Ciclista O Rosal; o Secretario Xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete; Jacobo Ucha, da Federación Galega de Ciclismo e concelleiras e concelleiros do Rosal e da Guarda.