
07 Abr 2025 Encontro musical para a cativada nunha nova sesión dos Venres Rebuldeiros
O espectáculo ‘Bibliocanta’ chega este venres 11 ao Rosal para achegar o cancioneiro tradicional a bebés de 0 a 3 anos
De balde. Imprescindible inscrición previa no 986 625 000
O Concello do Rosal propón unha tarde chea de música, tenrura e tradición nunha nova cita dos Venres Rebuldeiros, unha programación pensada para o goce e aprendizaxe dos máis pequenos e pequenas da casa. Este venres 11 de abril, a Biblioteca Municipal transformarase nun espazo de emocións compartidas coa celebración de ‘BiblioCanta’, unha proposta dirixida a crianzas de 0 a 3 anos.
‘BiblioCanta’ é moito máis ca un obradoiro musical, é unha fórmula para que os nenos e nenas se acheguen ó cancioneiro tradicional galego, redescubrindo cancións, ditos e recitados populares nun ambiente cálido e participativo. A música convértese así nunha ferramenta de expresión e lecer, sementando na infancia o amor pola lingua e a cultura.
A sesión comezará ás 17:00 h e será de balde, aínda que é imprescindible a inscrición previa ao contar con prazas limitadas. En caso de haber demanda habilitarase unha segunda quenda para garantir que ningunha familia quede sen vivir esta experiencia sonora. As persoas interesadas deben inscribirse chamando 986 625 000, deixando nome da persoa adulta acompañante, a idade do bebé e un correo electrónico e un teléfono de contacto.