![Espírito navideño e talento no I Concurso Infanto-Xuvenil de Panxoliñas da Agrupación Musical do Rosal](https://orosal.gal/wp-content/uploads/2024/12/concurso-panxolinas-amador.png)
27 Dec 2024 Espírito navideño e talento no I Concurso Infanto-Xuvenil de Panxoliñas da Agrupación Musical do Rosal
O evento celebrarase este 29 de decembro a partir das 18.00 horas no auditorio municipal
Música, tradición e mocidade serán as protagonistas este domingo 29 de decembro no auditorio municipal do Rosal, que acollerá a celebración da primeira edición do Concurso Infanto-Xuvenil de Panxoliñas da Agrupación Musical do Rosal. A partir das 18.00 horas, as voces máis novas encherán de espírito navideño o auditorio, ofrecendo un espectáculo que promete emocionar e unir ao público arredor da música.
Este evento busca promover a música coral entre a mocidade, destacando valores como o traballo en equipo, a disciplina e o desfrute da música. Dixirido a agrupacións corais de todo tipo, con participantes de ata 18 anos, o concurso suporá un reto, xa que cada agrupación deberá interpretar tres pezas relacionadas co Nadal cun tempo máximo de 10 minutos. O xurado premiará aos mellores coros con galardóns de 200, 100 e 50 euros.
Dende o Concello anímase a toda a veciñanza a asistir e gozar dunha tarde única de música, “apoiando ás novas xeracións e emocionándonos coas súas interpretacións”. “É un orgullo acoller un certame que promove a tradición musical e o talento da nosa mocidade e celebrar o Nadal dun xeito creativo e enriquecedor”, destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.