Estudo de participación e necesidades socioculturais

O Concello do Rosal está levando a cabo un Estudo de participación e necesidades socioculturais da súa poboación. Con el pretende coñecer as necesidades culturais, de ocio e de participación da veciñanza para facilitar a toma de decisións neste eido. Coa primeira fase xa rematada, na que se realizaron entrevistas con persoas clave e o deseño do cuestionario, chega a segunda fase.

 

Nesta segunda fase o Concello pon a disposición da poboación o cuestionario. Pode encherse de xeito online: na páxina web do Concello ou a través dun código QR que estará dispoñible no Concello e no comercio local. Tamén se pode cubrir a enquisa en papel no propio Concello ou nalgúns establecementos públicos. A enquisa está aberta a todas aquelas persoas que viven no Rosal ou participan en actividades socioculturais no Concello e estará activa ata catro semanas (ou cando se acade unha mostra representativa para o estudo).

 

O Concello quere resaltar a importancia de coñecer a visión da poboación en todos os aspectos que se recollen no cuestionario para identificalas de primeira man e así poder tomar decisións máis axustadas ás necesidades socioculturais da veciñanza. Tamén, agradecer de antemán a participación (a duración estimada para completar o cuestionario é de 10 minutos).

 

Xa na terceira e última fase, presentarase o informe final con todos os resultados e conclusións obtidas diferenciando os resultados en función das distintas variables de interese.