Éxito de participación na Feira do Libro do Rosal

ÉXITO DE PARTICIPACIÓN NA FEIRA DO LIBRO DO ROSAL

Vendéronse 615 libros e 270 flores nesta renovada feira na que o Concello combinou literatura e lecer

Grande éxito de participación e vendas na renovada edición da Feira do Libro do Rosal celebrada este ano despois de tres anos de parón por mor da pandemia. Literatura e lecer déronse cita na Praza do Calvario nunha feira que contou cunha grande afluencia de público a pesar do mal tempo que acompañou durante o evento, que obrigou a trasladar stands e actividades aos soportais e no salón de exposición do Concello e o concerto do cantautor Luis Pastor ao auditorio municipal.

No Mercado de segunda man participaron sete asociacións rosaleiras: Agrupación Musical do Rosal, Asociación Ghorghalado, Asociación de Maiores, San Xerome Emiliani, a ANPA do CRA María Zambrano, Ecos do Folón e CONRAZONES. Todas elas levaron un amplo catálogo de títulos recollidos dos fondos das propias asociacións ou a través dos seus socios e socias para achegar ao público. En total vendéronse 615 libros de diferentes xéneros e temáticas. Ademais, tamén se venderon 270 flores entre unidades soltas e pequenos ramos.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, amosouse moi satisfeita cos resultados obtidos na feira, destacando o traballo e dedicación de todas as persoas que fixeron posible a organización e o desenvolvemento do evento e agradecendo a participación de todos os rosaleiros e rosaleiras “que gozaron dunha xornada de lecer e achegaron o seu gran de area para que os libros non queden gardados nun andel, senón que teñan unha segunda, terceira ou cuarta vida”.