Expectativas e realidade da maternidade, este xoves nos ‘Cafés en igualdade’ do Rosal

EXPECTATIVAS E REALIDADE DA MATERNIDADE, ESTE XOVES NOS ‘CAFÉS EN IGUALDADE’ DO ROSAL

Chega a segunda sesión desta iniciativa posta en marcha polo Concello para crear un espazo de reunión íntima entre mulleres para falar de diferentes temas de interese. Será de 17.30 a 18.30 h na cafetería Nenza Xida

O Concello do Rosal prepara para este xoves a segunda sesión dos seus ‘Cafés en igualdade’, un espazo de reunión íntima entre mulleres para falar de temas de interese, unha burbulla de lecer persoal dunha hora ao mes na que poder conversar como se se estivera cun grupo de amigas. “Xa está todo listo para abordar unha nova temática neste encontro que permitirá a todas as asistentes desfrutar un pequeno balón de osíxeno nesa loita diaria para manter o equilibrio entre a conciliación familiar, laboral e persoal real”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Nesta segunda sesión, a educadora social Angelina Gándara abordará con todas as participantes o proceso da maternidade, dende as expectativas xeradas fronte á realidade ata a frustración que pode xerar, os embarazos desexados e non cumpridos e a maternidade como unha elección e non como unha obriga. Cunha ampla experiencia na formación a familias e coordinadora do programa ‘Somos familia, somos equipo’, Gándara guiará a todas as asistentes polo camiño dunha maternidade sen xuízos, sen prexuízos e sen culpabilidade. Será este xoves 23 de febreiro de 17.30 a 18.30 horas na cafetería Nenza Xida, na Praza do Calvario.

Con esta iniciativa, o Concello programa para cada último xoves de mes ata maio interesantes encontros dirixidos a mulleres nun horario diferente, moitas veces aproveitando os tempos mortos de obrigas cotiás como poden ser as esperas mentres fillos e fillas están nas actividades extraescolares. Serán sempre de tarde en establecementos hostaleiros do Rosal e durarán 60 minutos en horario de tarde creando, como salienta a rexedora, “un ambiente íntimo compartido entre mulleres mo que a relatora máis que unha persoa que expón un tema sexa quen de acompañar e interactuar coas persoas asistentes, creando un espazo de confianza cómodo e agradable”.

O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.