EXPOSICIÓN “CARTAS DE AMOR”

O Concello do Rosal unha vez máis traballa a favor da eliminación da violencia de xénero, implicando a sociedade en xeral mediante campañas de sensibilización e actividades de educación coas xeracións máis novas. Neste caso o concello colabora na organización da exposición “Cartas de Amor” cedida pola Secretaría Xeral de Igualdade. O recinto elexido é o CPI Manuel Suárez Marquier, xa que unido á exposición hai unha charla obradoiro impartida por Gloria Isabel Serrato ao alumnado de 3º da ESO.
Nos últimos anos detéctanse moitos casos de relacións de parellas entre adolescentes cunha forte carga de violencia verbal e incluso física.
Na busca de solucións preventivas e co obxectivo de atallar este problema, a Secretaría Xeral da Igualdade puxo en marcha unha serie de accións encamiñadas a facer reflexionar aos e ás adolescentes sobre a existencia de violencia nos seus modos de relacionarse.
Con esta exposición, “Cartas de Amor”, preténdese establecer un paralelismo entre o mundo romántico das primeiras relacións de parella, e a crueldade que , ás veces vai asociada a elas. Para isto, fíxose unha proposta a debuxantes para que plasmasen nunha serie de situacións ou momentos que considerasen como violentos entre adolescentes, co obxectivo de por de manifesto a necesidade de mudar esas actitudes por outras nas que prime o respecto á parella.
Deste xeito aquí están os traballos dos dous premios nacionais de lustración, Miguel Calatayud e de cómic Paco Roca, no ano 2009; así como figuras galegas como Patricia Castelao, Pirusca, David Pintor e Óscar Villán. Tamén participan autoras e autores que están acadando grande éxito entre a xente máis nova como Eva Vázquez, Javier Olivares, Primitivo, Sonia Pulido, Jack Mircala ou Sergi San Julián. Ademáis o escultor Méndez, a escritora Anxos Sumai e o deseñador Fausto, únense a esta mostra con tres achegas diferentes.