Fillas de Cassandra, concerto estrela das Festas de Verán do Pilar

Fillas de Cassandra, concerto estrela das Festas de Verán do Pilar

Durante tres días, do 24 ao 26 de xullo, O Rosal acollerá unha ampla programación de lecer na Praza do Calvario

 

O Rosal prepárase para unhas Festas de Verán do Pilar por todo o alto, tres días nos que o lecer, a música, o deporte, o humor, a diversión e a convivencia se darán cita coa Praza do Calvario como escenario. Do 24 ao 26 de xullo, rosaleiros e rosaleiras poderán desfrutar dunha ampla oferta “grazas como cada ano á colaboración e implicación de todas as asociacións que participan na organización de tres xornadas cheas de propostas para todos os públicos coas que desfrutar das nosas festas tradicionais”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A programación da festa comezará o mércores 24 de xullo coa sexta edición do tradicional Festival Xente Xida. Nesta ocasión, de 20.00 a 01.00 horas o público poderá achegarse á música tradicional da man de BG Paramos, Airiños do Cereixo e Os Terribles Donas acompañados sempre polo Trebón dos Xidos e Xente Xida. A xornada completarase con porco o espeto, cantina e comida a prezos populares para que o público asistente desfrute da primeira xornada.

O xoves 25 a tarde comezará ás 16.00 horas co torneo de xadrez que dará paso, xa pola tardiña, a unha nova edición do Encontro dos Pobos, o festival folclórico internacional máis veterano da comarca organizado pola Asociación O Lusco e Fusco. Xa ás 22.00 horas chegará a quenda do prato forte das Festas de Verán do Pilar: o concerto de Fillas de Cassandra coa Agrupación Musical do Rosal.

A Agrupación subirase ao escenario con este dúo musical galego que deleitará ao público con melodías tradicionais e novas letras, inspiradas en cancións de tradición oral con influencias do pop, da música electrónica ou da música clásica. Sobre o escenario, un espectáculo teatral no que o público é partícipe sempre dende un punto de vista actual e no que o piano e a percusión están apoiadas en bases electrónicas.

O broche de ouro ás Festas de Verán do Rosal chegará da man dos Netos do Rosal, que encherán de humor e retranca a Praza do Calvario o venres 26 a partir das 21.30 horas. Ao remate, o público poderá gozar da actuación de DJ’s.