Francisco Álvarez, Koki, presenta a súa última obra na biblioteca municipal do Rosal

FRANCISCO ÁLVAREZ, KOKI, PRESENTA A SÚA ÚLTIMA OBRA NA BIBLIOTECA MUNICIPAL DO ROSAL

Será este venres 16 de setembro ás 20.00 horas con entrada de balde

A literatura tamén ten un oco importante na axenda cultural rosaleira. Este venres 16 de setembro o escritor guardés Francisco Álvarez, Koki, presentará ás 20.00 horas na biblioteca municipal do Rosal a súa última obra, ‘Aldea Buxán’, un libro singular escrito por un emigrante que recorda o eido orixinario e a el retorna coa memoria cada pouco.

Cunha morea de libros ás súas costas, o autor é capaz de transportar ao público lector a esa lingua rica en matices, coloquial, verdadeira, que flúe coa sinxeleza dun regueiro dos montes galegos. Álvarez, escritor e animador cultural, residiu durante moitos anos en Nova York, onde fundou o colectivo Celso Emilio Ferreiro para espallar a cultura galega. Xunto a ‘Aldea Buxán’ ten publicado numerosas obras en galego, como o poemario ‘A memoria das palabras’, a novela ‘Ratas en Manhattan’ e os libros infantís ‘Un neno na emigración’ e ‘Vasoiras Barreiro’. Tamén ten obra publicada en castelán e participa habitualmente en libros colectivos sobre a relación dos e das autoras españolas cos Estados Unidos.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, anima a toda a veciñanza a desfrutar desta nova proposta cultural e a mergullarse no mundo literario deste escritor nado comarca. A entrada será de balde con entrada libre ata completar aforo.