
24 Xan 2025 Galicia Suroeste presenta en FITUR a súa nova marca coa campaña ‘Para lembrar’
A alcaldesa do Rosal estivo presente na presentación da campaña, que narra un percorrido pausado e contemplativo, emulando as texturas das antigas películas gravadas en super8 e cunha banda sonora que versiona unha das obras clásicas da canción popular galega
Galicia Suroeste dá un paso máis na súa estratexia de promoción turística presentando en FITUR a súa nova imaxe de marca. Un nome que describe o súa posición xeográfica e que avoga pola inclusividade ao representar a todos os concellos das catro comarcas que o conforman: o Baixo Miño, o Val Miñor, a Louriña e parte da comarca da Ría de Vigo.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, asistiu en Madrid á presentación, que contou coa presenza e participación de dúas persoas, destacadas no ámbito xornalístico e no musical. María Rey, xornalista con raíces no territorio e importante bagaxe profesional, foi a persoa encargada de dirixir a presentación, amosando o seu cariño e orgullo pola terra na que viviu e á que sempre quere volver; e o trompetista recoñecido internacionalmente Rubén Simeó, que foi o encargado de poñer a banda sonora á nova campaña, versionando e interpretando en exclusiva a obra Quen puidera namorala, poema de Álvaro Cunqueiro coa partitura do autor Luís Emilio Batallán.
Galicia Suroeste quere competir no mercado turístico sabedora da súa potencialidade, sendo un territorio que contén todo aquilo que pode conseguir o goce daqueles que queren pasar unhas xornadas ‘Para Lembrar’.
Da man de Noelia e Ramón do estudo artesán Papelier, Para Lembrar narra un percorrido pausado e reflexivo polo territorio, que fai que nos metamos noutra época, a das fotografías en formato polaroid, e nun mundo no que xa case ninguén constrúe ou garda as súas fotografías nun álbum.
A presentación rematou coa proxección do audiovisual ‘Para Lembrar’ ao que deron paso conxuntamente María Rey e Rubén Simeó e coa entrega dun agasallo a todas as persoas asistentes, consistente nun pequeno leporello realizado artesanalmente con imaxes do territorio en formato polaroid editado especialmente para a presentación en FITUR.