
27 Feb 2025 Galicia Suroeste será certificado Destino Turístico Starlight
Xa se iniciaron os traballos de certificación e os concellos do territorio, entre eles O Rosal, comezaron as súa adhesión á “Declaración sobre a Defensa do Ceo Nocturno e o Dereito á Luz das Estrelas”
A iniciativa axudará á diversificar e á desestacionalizar a oferta, e amosa un paso máis en firme cara un turismo máis respectuoso e sostible
Galicia Suroeste inicia os tramites para a certificación como destino Starlight de todos os seus concellos, entre eles O Rosal, seguindo a folla de ruta establecida no Plan Estratéxico da entidade e no Plan de Sustentabilidade Turístico en Destino do que é órgano xestor.
A Fundación Starlight é a creadora dun sistema de certificación mediante o cal son acreditados aqueles espazos que posúen unha excelente calidade do ceo, e que representan un exemplo de protección e conservación destes. O sistema baséase nos principios recollidos na “Declaración sobre a Defensa do Ceo Nocturno e o Dereito á Luz das Estrelas” (Declaración de La Palma 2007).
Aqueles destinos certificados, son escenarios que incorporan a observación do firmamento como parte do seu patrimonio natural, paisaxístico, cultural e científico, e fomentan a súa vez o “Turismo das Estrelas” (astroturismo).
Para acadar esta certificación, Galicia Suroeste xunto aos concellos teñen iniciados xa os trámites, consistentes na adhesión da propia entidade, e de todos os concellos englobados no perímetro a certificar, á “Declaración de La Palma”; e ten procedido oficialmente á inscrición correspondente ante a Fundación.
Nos vindeiros meses, serán realizados varios traballos para acadar a certificación, para a cal o destino deberá superar unha auditoría que avaliará diversos criterios.
Coa execución deste proxecto, enmarcado dentro do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia”, financiado con Fondos da Unión Europea – Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation, a entidade e os concellos ratifican o seu compromiso na loita contra o cambio climático, coa protección e preservación do medio ambiente e cos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible.