22 Xan 2026 Galicia Suroeste, un territorio cunha oferta ‘Única’
O Xeodestino presentou en FITUR unha campaña que amosa unha oferta singular que destaca pola súa autenticidade e por reunir nun mesmo destino aquilo que non existe en ningún outro lugar de Galicia
Galicia Suroeste da un paso máis, reforzando a cooperación entre concellos e aposta por un destino máis sostible, competitivo e único
Galicia Suroeste participa un ano máis en FITUR, a feira internacional de turismo máis importante do Estado, cunha presentación oficial da súa nova campaña turística “Única”, unha proposta que reivindica a singularidade, diversidade e autenticidade deste territorio situado entre o Suído, o Miño e o Atlántico.
O acto contou coa intervención de Sandra González, presidenta de Galicia Suroeste e alcaldesa de Tomiño, quen destacou o papel estratéxico da cooperación municipal para consolidar un destino competitivo e recoñecido. González subliñou que “Galicia Suroeste é un territorio con identidade propia, cun patrimonio natural e cultural excepcional, e cunha oferta turística que aposta pola calidade, a sustentabilidade e a experiencia auténtica. É un lugar onde o tempo se detén para escoitar o rumor das marxes do Miño, onde cada camiño conta unha historia e cada mirada atopa un horizonte novo. Somos un destino que se constrúe desde a emoción e desde a verdade”.
Tamén participou Ánxela Fernández, recentemente incorporada como nova representante institucional do Xeodestino, quen puxo o foco na importancia de reforzar a presenza do territorio en espazos profesionais como FITUR. Sinalou que “a campaña ‘Única’ é unha chamada a descubrir un destino que non se parece a ningún outro, onde cada visitante pode atopar unha experiencia persoal, próxima e inesquecible. É máis ca unha campaña: É a maneira que temos de dicirlle ao mundo que aquí todo é distinto, que cada recuncho garda un segredo e cada experiencia deixa unha pegada que non se esquece”.
A campaña “Única” preséntase como unha ferramenta de promoción que integra natureza, patrimonio, gastronomía, cultura e tradicións, cunha narrativa visual e emocional que busca posicionar Galicia Suroeste como un destino imprescindible e que non ten igual, dentro da oferta turística galega.
A presentación rematou coa proxección do audiovisual “Única” ao que deron paso conxuntamente Sandra González, Ánxela Fernández e a xornalista tudense que presentou o acto, Paula Montes.
Durante a feira, o Xeodestino mantivo encontros profesionais con axentes do sector, operadores turísticos e medios especializados, co obxectivo de fortalecer alianzas e abrir novas vías de promoción conxunta.
A campaña promocional, así como o acto de presentación contan coa colaboración da Xunta de Galicia, a través do convenio de colaboración entre Galicia Suroeste e a Axencia de Turismo de Galicia, para a promoción e a dinamización do Xeodestino.