O cineasta proxectará o seu novo filme ‘O Grilo’ este domingo 5 no auditorio rosaleiro. En Tomiño será unha das actividades da programación de outono

GON CARIDE ESTREA A SÚA LENDA SOBRE A MORTE NO ROSAL E TOMIÑO

O cineasta proxectará o seu novo filme ‘O Grilo’ este domingo 5 no auditorio rosaleiro. En Tomiño será o vindeiro 25 de xuño no auditorio de Goián

O cineasta rosaleiro Gon Caride segue a ser profeta na súa terra. O galardoado director desembarca de novo no Baixo Miño para estrear o seu novo filme, ‘O Grilo’, no territorio que o veu nacer e crecer: O Rosal e Tomiño. As primeiras sesións serán esta mesma fin de semana no auditorio municipal rosaleiro con dobre pase o domingo 5, o primeiro ás 20.00 h e o segundo ás 21.00 h, para que o público poida desfrutar deste documental que ten á Morte como protagonista. En Tomiño será o vindeiro 25 de xuño no auditorio municipal de Goián.

Para o Concello do Rosal é todo un orgullo poder acoller o estreo do traballo “dun gran profesional e un gran veciño, un artista que enriquece as nosas vidas coas súas creacións e que, con elas, é embaixador da cultural do noso municipio e do Baixo Miño polo mundo”, salienta a alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández Callís.

Pola súa banda, a rexedora tomiñesa, Sandra González, destacou a importancia “de dar visibilidade e apoiar aos grandes talentos que temos nos nosos concellos e amosar ao resto de veciños e veciñas que dende o rural poden terse e cumprirse grandes soños. É un orgullo que os actores e actrices da curta, nenos e nenas, saíran da Escola Municipal de Teatro, porque demostra que apostar pola cultura de base ten o seus froitos”.

Con ‘O Grilo’, Gon Caride recolle a lenda que conta que a Morte cada cen anos convértese en persoa e por un día convive coa veciñanza para entender mellor a aqueles e aquelas que terá que vir a recoller. Unha curtametraxe narrativa diverxente que habita entre a ficción, o documental e o founf footage para plantexar ao público unha reinterpretación da figuura da Morte. Como explica o director, “con esta curta realizamos unha viaxe melancólica a un pasado que nunca existiu para reformular un futuro ao que nos aterra ter que enfrontarnos”.

Cunha dilatada bagaxe internacional, Gon Caride rodou a súa primeira curtametraxe, ‘October’, en Polonia, con fala rusa, peza que foi seleccionada por varios festivais internacionais e tamén polo Instituto Cervantes dentro do seu programa itinerante “El Nuevo Talento del Cortometraje Español”. Despois chegaron ‘Impermanencia’ e ‘Deux Options’, que foi seleccionada en máis de 55 festivais internacionais e acumula 9 premios de prestixio, entre eles, mellor guión e mellor actuación masculina no Festival de Cans, mellor curtametraxe no Kazan International Muslim Film Festival (Rusia) e mellor director e mellor drama nos Independent Short Awards (EEUU).

As rexedoras animan a toda a veciñanza a achegarse a calquera das citas programadas no Rosal e Tomiño e a gozar deste corto son sabor local.