25 Abr 2022 LECTURA, LINGUAXE E LECER, EIXES CLAVES DO NOVO CICLO DE CHARLAS DE ‘EDUCANDO EN FAMILIA’
O programa posto en marcha polo Concello do Rosal continúa este venres 29 de abril ás 19.00 h no Centro Social Polivalente
O programa ‘Educando en familia’ chega ao seu fin este curso escolar cun novo ciclo de charlas durante os meses de abril, maio e xuño para continuar dando resposta a moitas das inquedanzas coas que día a día se atopan nais e pais. Tres novos encontros que pecharán unha programación “coa que se abordaron temas moi variados sobre a educación e a crianza e que permitiron achegar ás familias ferramentas prácticas para a vida cotiá”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Coincidindo co mes do libro no Rosal a primeira charla terá lugar este mesmo venres 29 de abril e abordará un tema tan relevante como a ‘Importancia da lectura na infancia: claves para promovela’. A pedagoga Eva Gándara falará sobre os beneficios do contacto coa lectura na primeira infancia, dará recomendacións para crear espazos e hábitos lectores e facilitará exemplos de lectura de interese de 0 a 6 anos sobre diferentes temáticas.
O venres 27 de maio será a quenda de ‘Ensinar a comunicar: desenvolvemento da linguaxe e prevención de dificultades’, coa logopeda Lorena Guerra. A educadora social Angelina Gándara porá o punto final ao ciclo de encontros deste curso o 17 de xuño coa súa conferencia sobre ‘O uso do lecer na infancia: ocios educativos e nocivos’.
Todas as charlas serán ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente con entrada libre ata completar aforo, aínda que pode facerse inscrición previa a través da web do Concello para reservar praza. Co obxectivo de facilitar a asistencia das familias a estas charlas, ofertarase un servizo de canguro cun mínimo de 5 prazas cubertas para o que si é necesario reservar e confirmar asistencia.
A rexedora anima a toda a veciñanza a participar en todos os encontros programados nesta actividade coa que se quere “apoiar a todas as familias rosaleiras que están en plena crianza, unha tarefa complexa que pode xerar moita inseguridade e medos en todos os pais e nais”.