María Fandiño, Premio Arquitectura 2021 pola Explanada do Horizonte do Rosal

MARÍA FANDIÑO, PREMIO ARQUITECTURA 2O21 POLA EXPLANADA DO HORIZONTE DO ROSAL

O Concello quere felicitar a arquitecta por este galardón estatal acadado na categoría de ‘Sostibilidade e Saúde. Valores universais’. O xurado pon a obra como exemplo dun novo xeito de intervención nunha paraxe natural e cultural para recuperar a identidade do territorio con técnicas e materiais propios da zona

A arquitecta María Fandiño gañou este mércores o Premio Arquitectura 2021 na categoría de ‘Sostibilidade e Saúde. Valores universais’ do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE) polo seu proxecto para a Explanada do Horizonte do Rosal. Trátase da primeira edición duns galardóns que buscan recoñecer o labor de todos os profesionais da arquitectura ou relacionados con ela que contribúen a crear unha sociedade máis xusta e igualitaria. O traballo de María Fandiño agora galardoado foi un dos 21 proxectos finalistas entre as máis de 650 obras presentadas aos Premios Arquitectura.

Os comités de expertos que estudaron e analizaron as obras destacaron o traballo feito pola arquitecta galega nesta obra que “exemplifica un novo xeito de traballar co territorio e a paisaxe con estratexias de mitigación e adaptación ao cambio climático. Ilustra ademais un novo modo de intervir na paisaxe natural e cultural, capaz de identificar as cualidades ecolóxicas e patrimoniais ocultas por unha actuación insensible dos anos 70 e resolver as necesidades actuais rexenerando o espazo con materiais do propio medio”.

O Concello do Rosal quere dar os parabéns á arquitecta por este galardón a nivel estatal que recoñece o gran labor feito por María Fandiño no proxecto de revalorización e mellora deste espazo do municipio. “Para nós é un orgullo ver como os e as profesionais recoñecen todo o traballo de recuperación de memoria realizado con este proxecto, co que se restaurou o ecosistema costeiro e devolveuse un lugar para quedarse cara ao horizonte”, destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Durante a recollida do premio, María Fandiño quixo agradecer o seu traballo a todo o equipo que colaborou no proxecto. A Explanada do Horizonte nace de entender o territorio como un artificio elaborado e estuda minuciosamente os seus compoñentes para adaptar o proxecto á paisaxe que o rodea, un elemento vivo que se completa co tempo a través da vexetación, a xeomorfoloxía do lugar e o ecosistema. Nel destaca o valor da sostibilidade, xa que o proxecto buscaba rexenerar o espazo empregando técnicas e materiais propios da zona.