Moda, lecer e sostibilidade na segunda edición de Rula Roupa Rosal

Moda, lecer e sostibilidade na segunda edición de Rula Roupa Rosal

Tras o éxito da primeira edición o Concello organiza xa unha nova cita con este mercado de segunda man, que se celebrará o 25 de maio de 11 a 20 h na Praza do Calvario

As persoas interesadas en participar ofertando os seus produtos poden presentar a súa solicitude do 15 ao 30 de abril

Roupa e complementos que xa viviron moitas historias volven saír á rúa para atopar novos camiños. Tras o éxito da primeira edición, o Concello volve apostar pola moda sostible e a economía circular poñendo en marcha a segunda edición de Rula Roupa Rosal, un mercado de roupa e complementos de segunda man que encherá de moda, lecer e sostibilidade a Praza do Calvario o vindeiro 25 de maio de 11.00 a 20.00 horas.

Esta nova cita non será só unha feira de intercambio e venda de prendas co obxectivo de darlles unha segunda vida, senón que será tamén unha xornada chea de actividade, convivencia e concienciación ambiental, con sesión vermú con música en directo, obradoiros e actuacións para nenos e nenas e zona de comida para todos os públicos.

“Dar a oportunidade á veciñanza de vender ou trocar produtos de segunda man nun ambiente festivo é unha maneira sostible e ética de consumir roupa, escapando da fast fashion actual para minimizar o impacto da industria téxtil e contribuír a reducir residuos”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora subliña a aposta firme do Concello por este tipo de iniciativas que promoven un consumo consciente e responsable e unha economía máis verde.

En Rula Roupa Rosal poden participar ofrecendo produtos todas as asociacións sen ánimo de lucro e persoas particulares interesadas, que poderán inscribirse de forma gratuíta para contar cun dos 23 postos dispoñibles. A organización permite vender ou trocar roupa de nenas e nenos e de persoas adultas, bixutería, bolsos, xoias, calzado e complementos como bufandas, cintos ou fulares. Quedan excluídas da feira prendas de roupa interior, produtos de restos de comercios ou de elaboración artesanal ou propia.

As persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude dende o martes 15 de abril ás 09.00 horas ata o mércores 30 de abril ás 14.00 h. Poderán facelo ben de forma presencial no Rexistro do Concello de 09.00 a 14.00 horas ou de forma telemática a través da Sede Electrónica municipal. A instancia debe incluír o tipo de produtos a ofertar, o DNI das persoas solicitantes e participantes, autorizacións no caso de menores de 16 a 18 anos e, no caso de asociacións, o CIF ou DNI da persoa representante.

Como explica o concelleiro de Comercio, Alejandro González, “Rula Roupa Rosal non é só un mercado de segunda man, é unha ferramenta de transformación social que pon no centro a reutilización, o respecto polo medio ambiente e a dinamización local. Queremos que sexa unha festa aberta, diversa e participativa para toda a veciñanza”.