Música, baile e solidariedade fusiónanse con San Xerome no Rosal

MÚSICA, BAILE E SOLIDARIEDADE FUSIÓNANSE CON SAN XEROME NO ROSAL

Xa están á venda as entradas para gozar deste evento solidario este sábado 24 de xuño ás 20.30 h no auditorio municipal

Coas actuacións de Lirolai, Dansá e Pandereteiras Tremelique

Música tradicional e baile moderno fusiónanse esta fin de semana no Rosal en apoio ao proxecto de FoGaRes SanXe da Asociación San Xerome Emiliani. Este sábado 24 de xuño o auditorio municipal acollerá ás 20.30 horas o evento solidario ‘Fusión’, un espectáculo cheo de enerxía coa que recadar fondos para rehabilitar, adecuar e poñer en funcionamento as 30 vivendas con servizos adaptados coas que conta a iniciativa.

O evento contará coas actuacións do grupo de música Lirolai, das Pandereteiras Tremelique e do grupo de baile Dansá, que colaboran con FoGaRes SanXe co seu talento e a súa arte ofrecendo a todo o público un espectáculo incrible.

As persoas interesadas en asistir poden facerse xa a súa entrada achegando unha doazón mínima de 7 euros persoas adultas e 4 euros menores de 12 anos. Ademais, para aquelas persoas que non poidan asistir pero queiran colaborar con esta iniciativa existe unha FILA 0 na que realizar unha doazón para colaborar con este evento.

Xunto ao formulario, tamén se poden recoller entradas e facer reservas escribindo a dona@sanxerome.com, enviando unha mensaxe de whatsapp ao número de teléfono 604 08 16 02 ou nas oficinas de San Xerome Emiliani na Guarda.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, anima a toda a veciñanza a participar e colaborar con este espectáculo solidario, “desfrutando dunha marabillosa velada chea de talento e xenerosidade. É emocionante ver como a comunidade se une en eventos como ‘Fusión’ para colaborar en causas solidarias e xustas. Así, xuntas e xuntos, podemos marcar a diferenza”.