MÚSICA E DIVERTIDAS ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS NA I FESTA DAS ASOCIACIÓNS

Celebrarase o vindeiro 17 de maio de 11.30 a 21.00 h no parque de Pías. Pódense xa mercar os tíckets de comida e bebidas nas asociacións e entidades participantes e no propio Concello

Música e divertidas actividades para todos os públicos na I Festa das AsociaciónsO Rosal quenta motores para a primeira edición da Festa das Asociacións, unha xornada festiva coa que render homenaxe ao tecido asociativo rosaleiro, un dos eixos fundamentais do desenvolvemento do municipio. O encontro celebrarase o vindeiro martes 17 de maio, Día das Letras Galegas, no parque de Pías, onde haberá música, talleres, espectáculos e actividades para todos os públicos de 11.30 a 21.00 horas.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a participar nesta xornada que busca “achegar a todas e todos os participantes as actividades que están a facer as asociacións rosaleiras que traballan nos diferentes ámbitos no concello e, ademais, promover vínculos e colaboracións entre elas e asociados e asociadas”.

As persoas interesadas en asistir á festa poden comprar xa os tíckets de comida e bebida que se venden de forma anticipada en calquera das asociacións e entidades participantes ou na propia Casa do Concello.

Xa o día 17, o inicio das actividades virá marcado pola entrada no parque do Trebón dos Xidos. Pola mañá haberá ximcana ciclista, portería de precisión, talleres e xogos tradicionais, para rematar ás 12.00 h con actuacións a cargo da Agrupación Musical do Rosal e ás 13.00 h coa de Tremelique. Ás 14.00 h será tempo de comida e as actividades reactivaranse a partir das 16.00 horas con xogos populares. Ás 18 h será a quenda do espectáculo de monicreques de Tarabelos Teatro, ‘Sabela e o paxaro máxico’, que dará paso ás 19.00 horas ás actuacións musicais de Orballo e Brassica Rapa.

“As asociacións son un dos motores do dinamismo do Rosal a nivel cultural, deportivo, educativo ou social, cunha capacidade de adaptación impresionante a todas as circunstancias dos últimos anos, algo que dende o Concello non podemos máis que louvar”, lembra a rexedora, que salienta que “sentimos moito orgullo de poder celebrar unha festa na que recoñecer o seu labor e dar a coñecer a todos os rosaleiros e rosaleiras o traballo que están a desenvolver no municipio”.