
08 Abr 2025 Natureza e patrimonio para desfrutar da Semana Santa no Rosal
O Concello organiza visitas guiadas aos muíños do Folón e do Picón os días 18 e 19 de abril. É necesaria inscrición previa
A Oficina de Turismo situada no muíño número 1 do Folón atenderá ao público do 14 ao 20 de abril
Natureza e patrimonio camiñan da man para desfrutar dunha Semana Santa diferente no Rosal. Sen aglomeracións, nunha contorna única e cun destino que aposta polo turismo sostible e a posta en valor do patrimonio natural e cultural, o Concello prepárase para ofrecer un ano máis visitas guiadas aos muíños do Folón e do Picón, un enclave emblemático do municipio no que historia e paisaxes se fusionan.
O Concello organiza dúas visitas guiadas durante os días centrais da Semana Santa para percorrer a ruta PRG-94, cun percorrido circular de arredor de 3,5 quilómetros. Acompañadas dunha guía experta, durante dúas horas as persoas participantes poderán coñecer o funcionamento dos muíños, así como os principais valores históricos, culturais e paisaxísticos do lugar.
A pesar de ser un percorrido curto, trátase dunha ruta con dificultade moderada debido á presenza de fortes pendentes, chan irregular e tramos con pedras e chanzos. Por este motivo, recoméndase levar calzado deportivo e roupa axeitada ás condicións meteorolóxicas.
As visitas serán o venres 18 de 17.00 a 19.00 horas e o sábado 19 de 11.00 a 13.00 horas. Haberá prazas limitadas, polo que para participar é imprescindible inscribirse previamente a través do teléfono 618029916 ou enviando un correo electrónico visitasguiadas@orosal.gal.
Para a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “a Semana Santa é unha oportunidade para descubrir o noso territorio con outros ollos, dende a calma e o coñecemento da nosa contorna. Queremos que quen nos visite sinta que patrimonio e natureza conviven en harmonía e que cada elemento da paisaxe ten unha historia que contar”.
Para completar a actividade turística do Rosal durante esta Semana Santa, o Concello abrirá durante toda a semana a Oficina de Información situada no muíño número 1 do Folón, onde todas as persoas interesadas poderán afondar no que ver o do que gozar durante estes días no municipio ou na contorna. A oficina estará aberta ao público, os días 14, 15, 16 e 17 de abril de 11.00 a 14.00 horas; o venres 18 de 16.00 a 17.00 h, antes da visita guiada; o sábado 19 de 13.00 a 14.00 h, xusto ao rematar a visita guiada; e o domingo 22 de 11.00 a 14.00 horas.
O concelleiro de Turismo, José Carlos Martínez Crespo, anima a veciñanza e visitantes a desfrutar estes días do Rosal, “un municipio no que promovemos un turismo con pegada emocional. Queremos que cada persoa que nos visite leve consigo unha experiencia auténtica, conectando co patrimonio, coa natureza, coa historia e coa vida local”.