NENOS E NENAS AMOSARÁN A SÚA GARRA E VALENTÍA NA GLADIATOR FAMILY

Portecelo acolle o 1 de outubro unha divertida carreira de obstáculos para rapaces e rapazas de 3 a 12 anos acompañados dunha persoa adulta. A inscrición terá un custo de 2 euros por parella que serán doados de forma íntegra á Asociación Down Vigo

Nenos e nenas amosarán a súa garra e valentía na Gladiator FamilyO Rosal quenta motores para participar na 15K Atlántico que se celebrará o vindeiro 2 de outubro cunha proba pensada e deseñada para divertirse en familia. O sábado 1 de outubro chega a Portecelo a Gladiator Family, unha animada carreira de obstáculos dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos, ambos incluídos, acompañados sempre dunha persoa adulta.

O Concello do Rosal colabora con Banco Mediolanum e Noko 360 na organización desta proba que comezará ás 16.30 horas e se desenvolverá na Explanada do Horizonte. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca “o noso compromiso por potenciar e promover o deporte participativo, animar aos máis pequenos e pequenas a divertirse coa actividade física e a incluíla na súa vida cotiá. E nada mellor que facelo cun día para desfrutar en familia facendo deporte”.

O percorrido e os obstáculos da carreira estarán adaptados á idade de cada neno e nena participante e anímase ás e aos acompañantes a que se impliquen e sorteen tamén todas as probas. A carreira non terá carácter competitivo e haberá un agasallo ao rematar para cada un dos cativos e cativas.

Será entretemento en familia e solidario: a inscrición terá un custo de 2 euros por parella que irán destinados de forma íntegra á Asociación Down Vigo ao abeiro do programa Aproxima de Banco Mediolanum. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse enchendo un formulario web ata o vindeiro 28 de setembro ás 23.59 h. Haberá prazas limitadas.