06 Mar 2017 NORABOA AO ROSALEIRO RAÚL FERNÁNDEZ LORENZO
Raúl Fernández Lorenzo, veciño do Rosal ven de proclamarse vencedor nas olimpiadas nacionais de Formación Profesional de 2017 levadas a cabo en Madrid.Un total de 8 alumnos e alumnas de Formación Profesional galega viron recoñecida a súa valía, e Raúl entre eles na modalidade de CNC Torneado e fresado acadou a medalla de ouro.
Galicia presentou 25 competidores. Estes competidores son os gañadores das medallas de ouro da IV edición dos Campionatos Galegos da Formación Profesional Galiciaskills 2016, celebrados en Silleda no mes de novembro do 2016.
Galiciaskills é o campionato galego da formación profesional que se celebra cada dous anos e consiste no desenvolvemento dunha serie de competicións relacionadas coas distintas especialidades da formación profesional, nas que os participantes han demostrar a súa competencia profesional e medir as súas destrezas con alumnado de distintos centros de Galicia na realización das correspondentes probas.
O alumando gañador de cada competición participa no campionato nacional Spainskills e as medallas de ouro deste campionato participarán posteriormente no campionato internacional Worldskills e no europeo Euroskills.
Do día 1 ao 3 de marzo celebrouse en Ifema (Madrid) o campionato nacional de Formación Profesional, Spainskills 2017, organizado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte en colaboración coas comunidades autónomas e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla.
O próximo destino de Raúl é Abu Dabhi, onde representará a Galicia e España no Worldskills International. Organización internacional, non gobernamental, sen ánimo de lucro, que ten como fin a promoción de competencias profesionais no marco da Formación Profesional a nivel mundial. Conta na actualizad coa participación de 52 países.
Raúl estuda o ciclo de Mecanizado no IES Politécnico de Vigo e viaxará acompañado polo seu titor do centro Francisco José Rodríguez Martínez.