Cartaz da convocatoria

NOVA CONCENTRACIÓN CONTRA O DESMANTELAMENTO DA ATENCIÓN PRIMARIA

O acto está convocado para o venres 27 de maio ás 20h diante do centro de saúde do Rosal

 

A plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal, formada por todos os grupos municipais, en colaboración co Concello, instan á poboación a manifestarse diante do desmantelamento que está a levar a cabo a Xunta do Servizo Galego de Saúde e, especialmente, da Atención Primaria.

A situación é alarmante: o Centro Médico do Rosal leva sen pediatra dende 2021, dende hai 5 meses conta cunha única doutora e non dispoñen de ambulancia medicalizada para achegar ás urxencias ao centro de referencia correspondente, situado a unha hora de distancia.

“O suceso acontecido o pasado venres puxo de manifesto as enormes carencias do Centro de Saúde do Rosal. Algo semellante non pode suceder de novo” afirma a alcaldesa Ánxela Fernández Callís, e engade que “é preciso actuar con urxencia e tomar as medidas pertinentes”.

Esta concentración xurde como consecuencia da situación vivida a pasada semana, cando chegou unha persoa con necesidade de atención urxente namentras que a única médica do centro saíra xunto coa ambulancia para acompañar a outro paciente ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Isto supuxo a mobilización dun helicóptero e o traslado do doente en padiola polo centro urbano do Rosal.

Por este motivo convidan a todos os veciños e veciñas do concello a mobilizarse este venres ás 20:00h diante do Centro de Saúde.