O alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier coñece os segredos do funcionamento dun Concello

O ALUMNADO DO CPI MANUEL SUÁREZ MARQUIER COÑECE OS SEGREDOS DO FUNCIONAMENTO DUN CONCELLO

Visitaron a Casa Consistorial e participaron nun pleno no que aprobaron por unanimidade celebrar unha festa dos nenos e das nenas

Achegar o funcionamento da administración local aos máis cativos e cativas. Ese era o obxectivo da visita realizada estes días por alumnado de 1º e 2º de primaria do CPI Manuel Suárez Marquier á Casa Consistorial rosaleira, unha xornada na que ademais de coñecer as instalacións municipais, os diferentes departamentos e o seu funcionamento tamén puideron falar coa alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e con concelleiras e concelleiros e plantexarlles as súas dúbidas e suxestións.

Durante o encontro, nenos e nenas celebraron un pleno infantil presidido pola rexedora no que todas e todos os participantes aprobaron por unanimidade realizar unha festa dos nenos e nenas, unha iniciativa que o equipo de Goberno comprometeuse a organizar. “Visitas como estas son unha forma de darlle voz á nosa infancia, de achegalos ao funcionamento do Concello e de facelos partícipes do devir do Rosal”, salienta a alcaldesa.

Na visita o alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier tamén puido coñecer de primeira man o traballo que realizan diferentes empregados e empregadas municipais, como o de Secretario ou Secretaria municipal.

Dende o Concello quere agradecerse aos nenos e nenas do CPI Manuel Suárez Marquier a súa participación e o grande interese demostrado na súa visita á Casa Consistorial.