O asociacionismo rosaleiro volve celebrar a súa festa con toda a veciñanza

O ASOCIACIONISMO ROSALEIRO VOLVE CELEBRAR A SÚA FESTA CON TODA A VECIÑANZA

Será este domingo 18 no parque de Pías con actuacións, música e actividades para todos os públicos. De 11.00 a 20.30 h

A Festa das Asociacións regresa ao Rosal cunha xornada de convivencia e lecer con toda a veciñanza. Este domingo 18 de xuño o parque de Pías acollerá un encontro festivo co que “achegar a rosaleiros e rosaleiras o labor das distintas entidades e render homenaxe ao tecido asociacionista rosaleiro, un dos eixos fundamentais do desenvolvemento do noso municipio”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

De 11.00 a 20.30 horas serán case dez horas de música, espectáculos, obradoiros e xogos para todos os públicos nas que as asociacións rosaleiras contarán cun stand propio no que dar a coñecer as actividades que desenvolven ao longo de todo o ano. Á hora de comer, haberá mesas para poder facer pícnic e fomentar a convivencia.

Durante a xornada o público poderá participar nun obradoiro de percusión, nunha xincana ciclista ou nos xogos populares e tradicionais para persoas adultas e cativada, como o marro, os bolos, a petanca ou o pimpón. Ademais, pola mañá a veciñanza poderá desfrutar ás 12.30 h co espectáculo de circo de Isla LeTriska, unha actuación cunha estética e liña humorística que sigue a liña dos grandes pallasos arxentinos nunha conexión directa co público na que as malandanzas afloran a cada pouco nun escenario cheo de sorpresas e ideas sorprendentes. Pola tarde, ás 19.00 horas, rematarase coa música da Charanga Bicoia.

A rexedora agradece a colaboración das asociacións e entidades participantes e convida a toda a veciñanza a participar nesta xornada festiva. “As asociacións son un dos motores do dinamismo do Rosal a nivel cultural, deportivo, educativo ou social, cunha capacidade de adaptación impresionante a todas as circunstancias dos últimos anos, algo que dende o Concello non podemos máis que louvar”.