O campamento municipal do Rosal promove o lecer activo e permite a conciliación familiar

As instalacións do CPI Manuel Marquier (A Mata) son as encargadas de acoller aos máis de 50 nenos e nenas que participan

A variada oferta de actividades é sen dúbida o gran atractivo do campamento de verán que se está a celebrar nos meses de xullo e agosto no Rosal, da man de Outrora S. Coop. Galega, en colaboración co Concello.

Nesta cita, as crianzas de entre e 4 e 12 anos asistentes poden desfrutar a diario dunha ampla variedade de dinámicas, xogos e actividades que promoven o lecer activo, a creatividade, o traballo en equipo e a experimentación, adaptándose sempre aos diferentes grupos de idade.

No campamento hai cabida para iniciativas para tódolos gustos, xa que se levan a cabo tanto actividades físico-deportivas como as que requiren outras destrezas, como a cociña, o debuxo ou as buscas do tesouro.

A pesar de que o CPI Manuel Marquier (A Mata) é o escenario principal no que se desenvolve, a rapazada pode gozar un día por semana dunha saída aos diferentes espazos naturais da contorna, realizando diferentes actividades ao aire libre como unha ruta aos Muíños do Folón e do Picón ou un día de baño na Pesqueira.

E a maiores das actividades máis físicas, teñen tempo tamén de realizar diferentes encontros de carácter social ou cultural, como asistir á presentación de dúas pezas teatrais: unha no Auditorio do Rosal, sobre Luísa Villalta e outra no Centro Social Polivalente, onde a Asociación Acougo (Asociación Galega de Familias de Acollida) achegoulles un pouco máis a esta realidade e á diversidade familiar en xeral. Tamén contaron coa visita de dúas mozas que lles introduciron na importancia do Consello de Infancia e Adolescencia.

Ademais desta variada programación, cabe destacar que, a diario, as crianzas poden gozar dun rato de tempo libre, no que desenvolven a súa imaxinación, mentres que dende a organización se encargan de que se realice de xeito seguro.

Nesta iniciativa, que se segue a desenvolver durante este mes, as e os asistentes adquiren sen dúbida valores moi necesarios como o compañeirismo ou o valor do medio ambiente.

Ademais, trátase tamén dunha aposta perfecta para a conciliación familiar, contando con recursos como a Aula Madruga, conseguindo así que as familias gocen desta conciliación tan necesaria nesta época estival.