O ciclismo volve esta fin de semana co XVII Trofeo Montes do Rosal

O CICLISMO VOLVE ESTA FIN DE SEMANA CO XVII TROFEO MONTES DO ROSAL

Máis de 280 deportistas, 29 delas e deles rosaleiros e 79 portugueses, participarán nesta proba que comezará o sábado 3 ás 16.00 h

O Rosal volve ser esta fin de semana epicentro do ciclismo. Este sábado 3 de xuño celébrase o XVII Trofeo Montes do Rosal, unha proba organizada polo Club Ciclista O Rosal e que conta coa colaboración do Concello, da Comunidadade de Montes Santa Mariña do Rosal, da Federación de Ciclismo Galego, da Fundación Deporte Galego e da Deputación de Pontevedra, así como doutras entidades e empresas.

Deste xeito, o sábado daranse cita 283 deportistas de entre 3 e 18 anos, entre eles e elas 29 ciclistas rosaleiros e rosaleiras e 79 portugueses que se achegarán ao Rosal para desfrutar “dunha proba que enche o noso municipio de deporte, con novas e novos ciclistas rosaleiros e rosaleiras pero tamén doutros recunchos de Galicia e cunha canteira que vén pisando con forza”, salienta a alcaldesa en funcións, Ánxela Fernández Callís.

A proba sairá ás 16.00 horas da Praza do Calvario e congregará a participante de varios clubs de ciclismo galegos que competirán nas categorías promesas, principiantes, alevíns, infantís, cadetes e junior, tanto en categoría masculina como feminina.

Dende o Concello quérese agradecer ao Club Ciclista O Rosal o inestimable labor para seguir organizando no municipio probas e campionatos que atraen a moito público afeccionado ao ciclismo, así como a inestimable colaboración da veciñanza na celebración desta e doutras probas deportivas que se celebran no municipio.