O Concello abre o prazo de inscrición para participar no campamento de Nadal

O CONCELLO ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA PARTICIPAR NO CAMPAMENTO DE NADAL

Celebrarase do 23 de decembro ao 5 de xaneiro. As persoas interesadas poderán presentar a solicitude dende as 09.00 h do vindeiro luns 7 de novembro ata as 14.00 h do 22 de novembro

O Concello do Rosal xa está preparando todo para que os nenos e nenas poidan desfrutar dunhas vacacións de Nadal chea de actividades. O vindeiro luns 7 de novembro ás 09.00 horas abre o prazo de inscrición para participar no campamento de Nadal, unha iniciativa que, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “busca axudar a rosaleiros e rosaleiras a conciliar a vida familiar e laboral a través de distintas actividades educativas e lúdicas coas que dinamizar o tempo libre dos seus fillos e fillas tras o remate do período lectivo”.

Este campamento de Nadal desenvolverase os días 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e os días 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 08.45 a 14.15 horas e está orientado a nenos e nenas matriculados en 4º, 5º ou 6º de educación infantil ou en educación primaria neste curso escolar, tanto empadroados e empadroadas no Rosal como non empadroados pero que o seu pai, nai, titor ou titora traballe ou posúa un negocio no municipio. O prazo de inscrición rematará o martes 22 de novembro ás 14.00 horas.

Haberá un total de 20 prazas, reservándose dúas para nenos e nenas que precisen dun apoio específico derivado dalgún tipo de diversidade funcional ou doutra patoloxía. A actividade terá un custe de 20 euros por participante e desenvolverase en instalacións municipais.

As solicitudes deberán presentarse por Rexistro de Entrada no Concello do Rosal ou por Sede Electrónica xunto coa autorización de recollida do ou da menor; un cuestionario de saúde e autonomía persoal; fotocopia do DNI do pai, nai, titor ou titora e do libro de familia; unha vida laboral actualizada; o certificado de recoñecemento de discapacidade da ou do participante en caso de telo; ou certificado de monoparentalidade ou título de familia numerosa en caso de darse algunha destas dúas circunstancias.

O Concello elaborará unha listaxe de persoas admitidas e de reserva en función da puntuación obtida en base ás seguintes variables: por traballo de ambos membros da parella ou titores legais, 2 puntos; por traballo dun dos membros, un punto; por familia monoparental, dous puntos; e por pertencer a familia numerosa, dous puntos. A puntuación máxima será de 5 puntos.