O CONCELLO CELEBRA A SÚA FESTA DE OUTONO CUNHA AMPLA PROGRAMACIÓN QUE INCLÚE A I FEIRA DE PRODUTOS DO ROSAL

Rosaleiros e rosaleiras poderán festexar o Pilar no Calvario os días 11 e 12 de outubro

O Rosal continúa este mes de outubro cunha programación moi especial, a tradicional Festa de Outono, que chegará ao Concello os días 11 e 12 de outubro cunha morea de actividades para todos os públicos. Os rosaleiros e rosaleiras poderán desfrutar durante estas dúas xornadas de exposicións, música, monicreques, demostracións, o Memorial Irmáns Flores e a I Feira de Produtos do Rosal.

A programación das tamén coñecidas como Festas do Pilar arrancará o martes 11 coa inauguración de dúas exposicións: a veciñanza poderá gozar do resultado do obradoiro de pintura de Águeda Suárez e o público poderá admirar tamén o que deu de si o taller de restauración da Sociedade Recreativa de San Miguel. Xa contra a tardiña será a quenda de dúas actuacións musicais: ás 19.30 horas gozaremos de Cantos de Taberna e o concerto de Brassica porá o broche final á a xornada.

Os vindeiros 11 e 12 de outubro teremos tamén unha  grande oportunidade para coñecer e apreciar o patrimonio artístico e cultural do Rosal coas dúas primeiras citas das II Xornadas de Patrimonio: o martes ás 20.00h o Centro Social acollerá a charla “Cerámica para vivir e vivir da cerámica” a cargo da ceramista Susana González Amado. E o mércores a partires das 18.00 horas na renovada Praza do Calvario terá lugar unha demostración cabaqueira de fabricación de tellas tralo pregón a cargo de Susana González Amado.

A Festa de Outono rematará o mércores 12 cunha morea de actividades. Ás 11.00h terá lugar a inauguración da I Feira de Produtos do Rosal, un espazo de encontro e tamén de exposición, degustación e venda. A alcaldesa Ánxela Fernández Callís, salienta a importancia de ter creado esta Feira de Produtos do Rosal coa vontade de ofrecerlles ás produtoras e produtores rosaleiros unha plataforma na que poder dar a coñecer os seus produtos, establecer contactos e mesmo crear sinerxías”.

A rexedora anima á veciñanza a que participe e goce de todas as actividades das coñecidas como Festas do Pilar que o mércores retomarán a súa actividade ás 17.00 horas. Ese será o momento das e dos máis pequenos, que poderán desfrutar do espectáculo de monicreques “O conto de Barriga Verde”.

O programa rematará co Memorial Irmáns Flores. Un encontro de murgas populares que  interpretará, dende ás 19:30 horas, as creacións musicais de José e Emilio Flores Costas, dúas persoas que interviñeron moi activamente na formación persoal e musical de moitos veciños e veciñas. Será unha sentida actuación na honra de dous rosaleiros que participaron e crearon colectivos que abranguen calquera manifestación de música popular galega e que cunha soa gaita foron quen de ensinar e divertir a todo un pobo.