O Concello comeza a recuperación da estrada vella de San Miguel de Tabagón

O CONCELLO COMEZA A RECUPERACIÓN DA ESTRADA VELLA DE SAN MIGUEL DE TABAGÓN

Os traballos inclúen a rehabilitación do muro tradicional de pedra e servirá de modelo para a transformación de espazos con elementos de interese patrimonial ou paisaxístico con concentración residencial

O Concello do Rosal continúa coa súa aposta estratéxica por unha transformación do municipio que permita situar ás persoas no centro ao tempo que se pon en valor a contorna. Neste sentido, o Goberno municipal comezou xa as obras de recuperación da estrada vella de San Miguel de Tabagón, uns traballos que transformarán a zona e que servirá de modelo para rehabilitación de espazos rurais con presenza de elementos con interese paisaxístico ou patrimonial e un certo nivel de concentración residencial.

Como salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, o obxectivos destas obras é “mellorar a calidade dunha contorna de alto valor patrimonial que conta cun perfil urbano de carácter singular, ao tempo que se aumenta a seguridade dos percorridos peonís, facendo que as rúas recuperen parte da súa identidade orixinal”.

Esta primeira fase de recuperación empezou a executarse pola zona máis deteriorada da estrada vella, a carón da ferraxería, onde unha das principais accións é a rehabilitación do muro de contención de pedra que suxeita o camiño, unha solución construtiva que se integrará na contorna e que resolverá os problemas que presenta o actual muro, nun avanzado estado de deterioro.

Con estes traballos, que afectan a un total de 1.536 m2, tamén se renovarán os pavimentos con elementos e materiais que contribúan a unha circulación máis calmada do tráfico, dándolle prioridade ás persoas e creando espazos que fomenten unha mobilidade máis sustentable e saudable. O tipo de intervención, tipo rosario, incluirá unha serie de nodos resoltos con materiais nobres principalmente en interseccións e fronte a elementos de especial interese, así como varios eixos nos que se reduce a presenza de asfaltos tradicionais e se inclúen detalles coidados.

A rexedora agradece o compromiso da veciñanza do barrio, que se involucrou de forma moi activa no proceso de participación social realizado hai uns meses para achegar suxestións a incorporar no proxecto de recuperación e que afectaban a aspectos como a problemática das pluviais nesa zona de escorrentía.

As obras contan cun orzamento de case 170.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra.