O Concello consolidará o espazo peonil en Pías cunha intervención na contorna da rúa da Estrada

O CONCELLO CONSOLIDARÁ O ESPAZO PEONIL EN PÍAS CUNHA INTERVENCIÓN NA CONTORNA DA RÚA DA ESTRADA

A alcaldesa explicou o proxecto nun encontro participativo no que se recolleron as ideas, suxestións e necesidades detectadas pola veciñanza

 O Rosal acadou unha subvención da Rede Ágora da Deputación de Pontevedra para a redacción do proxecto

Recuperar o espazo público respectando o valor patrimonial da contorna. Ese é o obxectivo do proxecto de recuperación do espazo peonil que o Concello prevé levar a cabo na contorna da rúa da Estrada, en Pías, onde se celebra o San Gregorio e que contempla tamén a integración dos camiños de San Gregorio e do Cotro. Unha iniciativa para a que o Concello acadou unha subvención de máis de 12.000 euros a través da Rede Ágora da Deputación de Pontevedra para a redacción deste proxecto  que prevé unha intervención en dous tramos duns 630 metros e 3.500 m2 de superficie.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, mantivo un encontro participativo coa veciñanza para debullar os pormenores desta iniciativa “que busca recuperar a contorna devolvendo a rosaleiros e rosaleiras espazos de estancia, de lecer, de convivencia… en todos os nosos barrios e parroquias”. Durante a reunión, celebrada na Escola Unitaria de Pías, o Goberno municipal recolleu as ideas, suxestións e necesidades detectadas pola veciñanza desta zona antes de comezar a desenvolver o proxecto definitivo.

Entre as achegas destacou o grande interese por poñer en valor os bens patrimoniais e etnográficos da contorna, xerando un importante debate arredor da conservación da moreira que ocupa o espazo central da praza ou sobre a posición actual do cruceiro, que na actualidade está situado moi pegado a unha vivenda. Ademais tamén se abordou a posibilidade da recuperación do lavadoiro como zona de estancia e desfrute para as persoas e a inclusión do camiño da Melania no proxecto de recuperación.

O obxectivo é transformar unha zona con vivendas unifamiliares moi pegadas ao camiño na maioría dos casos, con vieiros estreitos empregados como zona de circulación e estacionamento, nun espazo de esparexemento no que se teñan en conta os elementos de elevado interese patrimonial da contorna, como un cruceiro, un lavadoiro ou a propia capela de San Gregorio.

Devólvese así á veciñanza un espazo moi empregado dende sempre como lugar de encontro, especialmente nas festas, e que dá acceso a varios puntos de interese como as zonas de paseo arredor do Miño ou o parque de Pías. Durante o encontro participativo, os veciños e veciñas concordaron en que o uso dese espazo debe ser tras a reforma prioritariamente residencial.

Así, a través deste proxecto, incrementarase a superficie de espazo peonil e crearanse espazos de encontro mediante a recuperación de tramos de camiños tradicionais nos núcleos rurais, limitando o acceso de vehículos e creando ámbitos singulares que poñan en valor os elementos do patrimonio ambiental, paisaxístico, patrimonial e identitario rosaleiro.

Ademais deste proxecto de recuperación do espazo público, durante o encontro tamén se trataron outros temas de especial relevancia para o barrio e para o municipio, como a transformación que se está a levar a cabo nas escolas unitarias ou as melloras progresivas que se prevén seguir desenvolvendo en Pías.

No proceso de planificación previa feita polo Concello para levar a cabo os proxectos de recuperación do espazo público, o Goberno municipal xa realizou diferentes intervencións para a renovación do saneamento, e incluso dalgún tramo da redes de pluviais, co obxectivo de facelo máis eficiente en termos de funcionamento.