
15 Abr 2024 O Concello contrata a nove persoas desempregadas ao abeiro do Plan Máis Provincia
Durante os vindeiros meses, desempeñarán diferentes postos para reforzar diferentes servizos municipais
O Concello do Rosal xa comezou a incorporar ao seu equipo a 9 novos traballadores e traballadoras, persoas desempregadas que ao longo dos vindeiros meses se irán contratando a través do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra e que permitirá mellorar distintos servizos municipais.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salienta a importancia de contar con estas novas incorporacións no concello “xa que permiten dar unha oportunidade laboral a persoas que estaban en busca de emprego pero tamén reforzar algúns dos departamentos municipais”.
Entre as incorporacións cóntase con catro peóns e tres oficiais que formarán parte do equipo do Concello que xa están traballando a xornada completa e que teñen contratos de oito meses de duración. Ademais incorporarase un ou unha electricista durante seis meses e unha persoa que xa se integrou no equipo do Servizo de Atención ao Fogar, posto no que estará durante nove meses.
O Concello conseguiu unha subvención de case 125.000 euros para financiar parte dos custos salariais destas novas contratacións, mentres que o resto se completará con fondos propios.