O Concello dá o primeiro paso para facer realidade a nova Praza de Martín, un grande espazo de convivencia e lecer

O Concello dá o primeiro paso para facer realidade a nova Praza de Martín, un grande espazo de convivencia e lecer

A alcaldesa asinou este xoves a compra da parcela colindante á actual praza, de case 1.900 metros cadrados

Permitirá ao Concello seguir recuperando espazos para as persoas e cumprir cunha demanda histórica da veciñanza

 

O Rosal dá un paso de xigante cara a un futuro con novos e mellorados espazos de convivencia e lecer. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, asinou este xoves a compra dunha parcela de case 1.900 metros cadrados colindante coa Praza de Martín que permitirá ampliar o espazo público e transformar o barrio nun lugar máis aberto e accesible para todas e todos.

A adquisición da finca permitirá ao Concello deseñar unha nova praza de maiores dimensións con máis capacidade para acoller as festas e encontros veciñais e outra actividades culturais e de lecer e cumprir así unha demanda histórica da veciñanza de Martín e Viso dos Eidos. A compra supón un investimento de 35.851 euros financiados ao abeiro dunha subvención do Plan + Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra.

A rexedora destacou a importancia desta compra e todos os trámites burocráticos e o traballo realizado durante os últimos meses para poder facela realidade. “Esta compra non só mellorará as infraestruturas, senón que tamén dará á veciñanza un espazo digno para xogar, practicar deporte ou celebrar festas. A Praza de Martín é o corazón do barrio, un lugar de encontro que leva tempo demandando este cambio”, salientou. Fernández Callís tamén quixo agradecer a boa disposición dos propietarios da finca “para que a parcela se poida destinar a beneficio de todos os veciños e veciñas”.

Con esta compra, o Concello dá un novo paso no proceso de recuperación dos espazos públicos ao mesmo tempo que continúa poñendo en valor a contorna, xa que a praza se atopa situada preto dos muíños do Folón e do Picón ou do Ecoparque de Viso dos Eidos. A arquitecta e paisaxista María Fandiño xa se encontra traballando na redacción do proxecto para a ampliación da praza, que incluirá un proceso participativo no que se convidará á veciñanza a achegar ideas e suxestións sobre o deseño deste novo espazo.