O Concello do Rosal abre o prazo de inscrición para o campamento de verán

O CONCELLO DO ROSAL ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA O CAMPAMENTO DE VERÁN

As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o 2 de xuño. Contará con 30 prazas

O Concello abriu este mesmo xoves 18 de maio o prazo de inscrición no campamento de verán municipal para nenos e nenas matriculados durante o curso 2022/2023 en educación infantil ou educación primaria que estean empadroados no Rosal ou que o seu pai, nai, titor ou titora traballe ou posúa un negocio no municipio.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salienta que o obxectivo desta iniciativa “é permitir ás rosaleiras e rosaleiros conciliar a vida familiar e laboral ofertando actividades educativas e lúdicas coas que dinamizar o tempo libre de rapazas e rapaces tras rematar o período lectivo nunha contorna enriquecedora, fomentando o seu desenvolvemento e crecemento”.

O campamento desenvolverase na Escola de Pancenteo durante os meses de xullo e agosto e contará con 20 prazas de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas e outras 10 prazas en horario de 08.00 a 15.00 horas. De todas estas prazas, 3 estarán reservadas de inclusión. O prezo por persoa será de 100 ou 125 euros ao mes, dependendo do horario solicitado na inscrición.

As persoas interesadas en reservar praza poden presentar a súa solicitude ata o vindeiro venres 2 de xuño presencialmente no Rexistro do Concello de 09.00 a 14.00 horas ou por Sede Electrónica no procedemento ‘Participación Campamento de verán’. Entre a documentación a achegar, deberase presentar a solicitude de participación, a autorización de recollida da ou do menor, o cuestionario de saúde e autonomía persoal, a fotocopia do DNI do pai/nai/titor/titora do ou da menor, a fotocopia do libro de familia, a vila laboral actualizada ou certificados específicos de discapacidade da persoa participante, familia monoparental, familia numerosa ou de traballar ou posuír un negocio no Rosal en caso de precisalo.

O Concello elaborará unha listaxe de persoas adxudicatarias das prazas, así como unha listaxe de reserva. No caso de renuncia, a listaxe irá correndo segundo orde numérica.