O CONCELLO DO ROSAL ALEGARÁ CONTRA O PARQUE EÓLICO DO MERENDÓN

A Xunta publicou hoxe no DOG que o proxecto entra en estudo ambiental e será tramitado por urxencia

A alcaldesa, Ánxela Fernández, afirma que “estamos en contra dun plan eólico que favorece os oligopolios enerxéticos fronte aos dereitos das comunidades locais e colectivos”

O Concello do Rosal anuncia que alegará contra o parque eólico do Merendón. A Xunta publicou hoxe no DOG que este proxecto, que inclúe cinco aeroxeradores, cinco centros de transformación e dúas subestacións entre Oia e O Rosal, será tramitado por urxencia e que está en fase de estudo ambiental. A alcaldesa, Ánxela Fernández, anuncia que “no Rosal non vamos apoiar nunca unha forma de proceder e de actuar que favorece aos oligopolios enerxéticos fronte aos dereitos das comunidades locais e o interese colectivo”.

A rexedora tamén se mostra contrariada con que a publicación no DOG desta resolución sexa en plenas festas, con moito persoal municipal de vacacións, e que o prazo de presentación de alegacións sexa soamente de 15 días a contar dende mañá. “A pesares das grandes dificultades que supón para nós esta forma de actuar da Xunta, imos a presentar todas as alegacións que consideremos pertinentes”, incide. 

Ánxela Fernández engade tamén que no Rosal non estamos en contra de impulsar as enerxías renovábeis, entre elas a eólica, xa que “precisamos un modelo alternativo ao consumo do petróleo que poña en valor a potencialidade do noso territorio de xeito sustentábel e beneficie o desenvolvemento económico a nivel galego, e non un que é depredador e responde exclusivamente aos intereses externos”.

“Estamos en contra deste proxecto eólico da Xunta e da forma de proceder das empresas promotoras que, amparadas no plan do Goberno galego, non deixan de presentar proxectos para ponderar a aceptación das administracións e da xente do territorio. Enerxías renovables si, pero non así”, conclúe.