O CONCELLO DO ROSAL CAPTA MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS DE FONDOS EUROPEOS PARA A RENOVADA PRAZA DO CALVARIO

Alcaldesa e Delegado do Goberno do Estado en Galicia repasaron nun encontro na Casa Consistorial os proxectos postos en marcha no municipio que contan cun financiamento 3 millóns por parte do Estado español

Con esta axuda e a conseguida ao abeiro do ReacPon da Deputación de Pontevedra subvencionarase o 80% dunha obra histórica para O Rosal

O Concello continúa dando grandes pasos na transformación do Rosal para convertelo nun municipio máis sostible, con máis servizos e no que as persoas sexan o centro. Neste camiño, o Concello vén de conseguir máis de 1 millón de euros de fondos europeos para financiar a xa renovada Praza do Calvario a través do Programa DUS 5000 do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, mantivo na Casa Consistorial un encontro co Delegado do Goberno do Estado en Galicia, José Manuel Miñones, e coa subdelegada do Goberno, María del Carmen Larriba, no que repasaron os numerosos proxectos que contan con financiamento estatal no municipio rosaleiro.

Como destacaba a rexedora durante a reunión, “énchenos de felicidade ter esta visita porque a transformación que está a vivir O Rosal está motivada en gran medida pola capacidade que temos de captación dos fondos europeos que xestiona de forma directa o Goberno de España”. Fernández Callís lembrou que esta axuda para a renovada Praza do Calvario, “un símbolo xa de orgullo para rosaleiros e rosaleiras, súmase á obtida a través do ReacPon, o que significa que fomos capaces de captar fondos para subvencionar o 80% dunha obra que sen dúbida é histórica para nós”.

Os fondos conseguidos a través do DUS 5000 veñen a completar os case 1,2 millóns de euros conseguidos tamén a través deste programa para a renovación integral do alumeado público, que, como destacou a alcaldesa, “vai supoñer un aforro enerxético municipal do 70%, algo que na situación actual de crise enerxética na que nos atopamos ten un valor engadido adicional”.  Ademais, o Concello conseguiu unha subvención estatal de case 400.000 euros a través Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP Local) “coa que seguir avanzando na reforma continuada das nosas escolas, na aposta pola eficiencia enerxética, pola educación de proximidade e pola recuperación de edificios de gran valor patrimonial”.

En total “case 3 millóns de euros acadados a través de diferentes liñas de subvención postas en marcha polo Goberno de España cos que xerar oportunidades que O Rosal está sabendo aproveitar moi ben, algo polo que queremos sen dúbida felicitar á alcaldesa e ao Goberno municipal”, salientou Miñones. O delegado do Goberno en Galicia lembrou durante a visita a aposta do Goberno estatal “por traer xente ao rural e dotalo de servizos, o que debe levar aparellado tamén financiamento”. “Un deles é mellorar a conectividade e levar fibra óptica aos veciños e veciñas que viven mestas zonas, unha iniciativa que xa se está a implementar no Rosal con 360 vivendas que teñen concedida esa oportunidade de ter fibra óptica de máis de 300 megas”.

Durante a visita, a alcaldesa rosaleira quixo trasladar ao delegado e á subdelegada “o noso agradecemento pola aposta directa ás entidades locais con financiamento para que concellos pequenos como o noso poidamos seguir avanzando en cuestións estratéxicas tan importantes como as que tratamos durante este encontro”.