O CONCELLO DO ROSAL IMPLÍCASE CUNHA SOCIEDADE MÁIS XUSTA E SOSTIBLE

O pleno municipal aprobou a incorporación do municipio á Axenda 2030 que impulsa a ONU

O pleno do Concello do Rosal aposta por un mundo mellor e polo desenvolvemento sostible do municipio e da sociedade en xeral. Todas as forzas políticas representadas aprobaron por unanimidade a incorporación á Axenda 2030 que impulsa a ONU, unha serie de obxectivos que constitúen un chamamento universal á acción para poñer fin á pobreza, protexer o planeta e mellorar as vidas e as perspectivas das persoas de todo o mundo cando remate esta década.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, explica que o ámbito municipal é “imprescindíbel” para a consecución destes obxectivos. Por iso, o Concello recoñece que a Axenda 2030 “debe ser unha referencia fundamental para nós, a veciñanza e as comunidades locais para traballar pola erradicación da pobreza, o acceso á auga, a equidade,  un urbanismo inclusivo e sostible, a loita contra o cambio climático… e tantas outras tarefas que forman parte da xestión diaria das políticas públicas de proximidade.

Aprobada esta declaración institucional o Concello do Rosal xa comezou a traballar no establecemento dunha alianza de todos os grupos políticos e de todas as áreas e servizos do municipio para atopar os campos prioritarios de actuación no municipio, e tamén para trasladar o coñecemento e implicación destes obxectivos á sociedade civil, facéndoa participe do proceso, activando e potenciando diversos mecanismos de participación cidadá. 

A incorporación a Axenda 2030 é un paso máis da estratexia do Concello para facer do Rosal un municipio “sostible e inclusivo” con distintas intervencións de relevancia, como a recuperación de espazos para as persoas, a mellora no saneamento e abastecemento de auga, o reforzo do comercio local, a conservación da educación rural… e outras moitas accións que se están a desenvolver nos últimos anos.