O Concello do Rosal mapea de forma dixital a rede de abastecemento de auga municipal e veciñal

O CONCELLO DO ROSAL MAPEA DE FORMA DIXITAL A REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGA MUNICIPAL E VECIÑAL

A alcaldesa mantivo un encontro coas traídas veciñais para abordar as accións do novo Plan Director da Auga

O Concello do Rosal continúa co seu compromiso coas traídas de augas veciñais. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, mantivo un encontro de traballo coas distintas comunidades de augas para afondar sobre as accións que se levaron a cabo ao abeiro do novo Plan Director da Auga, que incluíu o mapeado dixitalizado da rede de abastecemento de auga municipal e veciñal.

“Para a administración local é fundamental crear un inventario co que ter rexistradas e xeolocalizadas as súas infraestruturas, xa que permite ter información detallada que non só facilita calquera nova obra que se leve a cabo, senón que tamén pode consultarse de forma rápida en caso de calquera incidencia”, explicou Fernández Callís.

O Concello investiu preto de 18.000 euros neste mapeo dixitalizado que ademais de preparar a cartografía base e envorcado da rede municipal e veciñal. Incluíndo as infraestruturas de captación, potabilización, estacións de bombeo, conducións xerais, depósitos reguladores, diámetro das tubaxes e anos e outros elementos que son seu conxunto son susceptibles de levar a auga ata os depósitos de cabeceira ou puntos de conexión.

Este inventario dixitalizado da rede de augas permitiu tamén definir as zonas das traídas veciñais para o seu posterior trazado por parte das comunidades de augas, así como a xeración dos planos específicos.

A rexedora quixo agradecer ás comunidades de augas veciñais a súa implicación, xa que “xogan un papel moi importante na corresponsabilidade e xestión dun ben básico como é a auga, polo que o Goberno municipal seguirá colaborando en todo o que precisen”. O Concello financia as análises de potabilidade obrigatorias en fontes e pozos, ofrece soporte para levar a cabo as reparacións urxentes do día a día e acaba de incorporar aos orzamentos de 2024 unha liña de subvención para acción planificada de 30.000 euros, incrementando nun 50% a partida dedicada nos últimos dous anos.