27 Mai 2022 O CONCELLO DO ROSAL ORGANIZA UN OBRADOIRO DE COCIÑA INFANTIL PARA CELEBRAR O DÍA INTERNACIONAL DO MERCADO
É una actividade enmarcada na Campaña “Quere o teu mercado” da Dirección Xeral de comercio.
Co obxectivo de incentivar o consumo de produtos frescos e subliñar os valores da compra local e a profesionalidade e bo facer dos praceiros e praceiras, o Concello do Rosal acolle este sábado 28 de maio un obradoiro de cociña para nenos e nenas nas instalacións do seu Mercado Municipal.
A actividade terá lugar entre ás 11:00h e ás 13:00h e os participantes dividirase en 4 quendas.
Para poñer en valor o produto local, a primeira parte do obradoiro consistirá en facer a compra nos postos do Mercado (os pais e nais dos rapaces máis pequenos poderán acompañalos en todo momento).
Trala compra será a quenda de desfrutar do cociñado xuntos e, ao remate, os praceiros e veciños que se acheguen ao Mercado, poderán degustar as creacións destes pequenos pero grandes cociñeiros.
Haberá mandilóns, cadernos, mochilas e unha morea de agasallos para que todos os asistentes garden un bo recordo desta xornada. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida “a todos os nenos e nenas do Concello a participar e a celebrar xuntos este Día Internacional do Mercado”.
Non é necesario realizar inscrición previa.