13 Dec 2018 O CONCELLO DO ROSAL REALIZA O IV PLAN DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES MUNICIPAL
O Concello do Rosal, logo de solicitar a subvención da Deputación de Pontevedra dirixida aos concellos da provincia para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero para o ano 2018, realizou ao longo deste ano a avaliación do III Plan de Igualdade e a elaboración do IV Plan.
Para a avaliación do III PIOM foron varias as reunións de traballo para a busca de información que permitise a análise de datos.
Mediante entrevistas co persoal técnico do Concello do Rosal e persoal político foise recabando toda a información precisa. A lectura de memorias e recollida de datos permitiu comprobar o grao de cumprimento das accións enumeradas no III PIOM, e coñecer os obstáculos existentes e as necesidades a ter en conta á hora de elaborar o IV Plan de Igualdade do Concello.
Para a realización do informe de avaliación, o persoal técnico do Concello contou coa asistencia técnica en materia de xénero e igualdade do GRUPO ARESTORA, responsable da recollida de información, tratamento dos datos e redacción final. (ADXUNTO DOCUMENTO DE AVALIACIÓN DO III PIOM)
Para a elaboración do IV Plan, seguindo a mesma liña que que no caso dos anteriores Plans de Igualdade, (I PIOM 2006-2007, II PIOM 2008-2010 e III PIOM 2013-2016), o IV Plan de Igualdade de Oportunidades Municipal artéllase en torno aos seguintes obxectivos xerais:
1. Impulsar políticas públicas transversais e de acción positiva, que contribúan a crear condicións e estruturas sociais que permitan que a igualdade entre mulleres e homes sexa real e efectiva no ámbito territorial do Concello de referencia.
2. Impulsar a inclusión do principio de igualdade entre mulleres e homes de xeito transversal, nas actuacións desenvolvidas no exercicio das súas competencias polas distintas Concellarías e, sinaladamente, nos Departamentos ou organismos específicos con competencias en materia de igualdade dependentes do Concello de referencia.
3. Ofrecer ferramentas técnicas para a inclusión do enfoque de xénero no deseño e a xestión das políticas públicas municipais .
4. Implicar ás distintas Concellerías na posta en marcha das medidas concretas contempladas no Plan de Igualdade, considerando as súas áreas de competencia.
5. Servir de referente a outros Concellos, entidades e/ou empresas, en materia de igualdade de oportunidades, establecendo medidas que apoien, impulsen e orienten o desenvolvemento efectivo das súas propias competencias en materia de igualdade.
6. Establecer mecanismos de prevención e tratamento específicos para os casos de violencia de xénero e asistencia a mulleres en risco de exclusión social.