O CONCELLO ESTABLECE MEDIDAS DE PREVENCIÓN NAS ZONAS DE BAÑO E LECER DO ROSAL

Apélase á responsabilidade da veciñanza para desfrutar destes espazos con total seguridade.

Para garantir a seguridade e saúde dos veciños e veciñas, o Concello do Rosal establece unha serie de medidas de prevención nas zonas de baño e de lecer do municipio coas que garantir a saúde de todos e todas. Deste xeito, tanto na praia de Eiras como nos distintos espazos que se atopan situados ao longo do río, estará permitido o baño lúdico e deportivo, aínda que neste último caso só de xeito individual.

Tanto na area como nas diferentes zonas de esparexemento as persoas deberán manter a distancia mínima de seguridade de dous metros e, en caso de empregar parasois, estes deberán colocarse a un mínimo de 4 metros un doutro. Ademais, recoméndase a todas as persoas que non anden descalzas descalzos nos accesos á praia ou ás zonas de lecer.

En canto ao número de persoas que se poden reunir, prégase seguir as recomendación das autoridades sanitarias e non exceder o máximo permitido en cada momento a nivel estatal.

Para dar a coñecer todas estas medidas instaláronse carteis informativos tanto na praia de Eiras como noutros espazos de baño e esparexemento empregados habitualmente pola veciñanza.

Dende o Concello apélase á conciencia e responsabilidade individual de cada veciño e veciña para poder desfrutar destes espazos de lecer con total seguridade e garantías para a saúde de todos os rosaleiros e rosaleiras.

O CONCELLO ESTABLECE MEDIDAS DE PREVENCIÓN NAS ZONAS DE BAÑO E LECER DO ROSAL