
24 Mar 2023 O CONCELLO INCORPORA 10 NOVOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS AO ABEIRO DO PLAN CONCELLOS
O Goberno municipal acadou unha subvención de case 134.000 euros para as contratacións
O Concello do Rosal vén de incorporar ao seu cadro de persoal a 10 novos traballadores e traballadoras contratadas ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, unhas incorporacións que, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “non só dará unha oportunidade laboral a veciños e veciñas que estaban na procura de emprego, senón que permite reforzar e mellorar diferentes departamentos municipais”.
Entre as novas persoas contratadas atópanse tres oficiais de obras, que realizarán labores para o Concello durante oito meses e medio; catro peóns que se encargarán da limpeza viaria e da roza forestal durante 9 meses; unha persoa operaria de maquinaria forestal por seis meses e unha auxiliar de axuda no fogar por nove meses. Ademais, en xuño contratarase unha persoa oficial electricista por sete meses.
O Goberno municipal acadou unha subvención de case 134.000 euros da Deputación de Pontevedra, mentres que o Concello deberá achegar unha partida inicial de 3.200 euros á que deberá sumarlle a diferencia para adecuación ao salario mínimo interprofesional, cunha suba aprobada tras a concesión da axuda.