O Concello inicia as obras de mellora do camiño dende a Estrada da Rotea ata o Alto de Parada

O CONCELLO INICIA AS OBRAS DE MELLORA DO CAMIÑO DENDE A ESTRADA DA ROTEA ATA O ALTO DE PARADA

Estes traballos, que forman parte do programa de intervencións do Goberno municipal nos camiños rurais, contan coa cofinanciación de Agader

O Concello do Rosal continúa co seu programa de intervencións e mellora dos camiños rurais, co que se procura aumentar a comodidade dos usuarios e usuarias e a seguridade viaria nas distintas parroquias do municipio. Neste sentido, o Goberno municipal acaba de adxudicar os traballos de mellora do camiño dende a Estrada da Rotea ata o Alto de Parada, un vieiro que presenta zonas con importantes desperfectos que poden afectar á seguridade da circulación e que se inclúen dentro das parcelas agrícolas.

“Este proxecto forma parte do plantexamento estratéxico posto en marcha dende o Concello para poder ofrecer á nosa veciñanza unhas infraestruturas axeitadas que permitan mellorar a mobilidade”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Tras a reunión coa veciñanza na Rotea, onde se afondou tamén neste proxecto, en breve comezarán estas obras que terán un período de execución dun mes e coas que se levará a cabo a restauración das características superficiais do pavimento, corrixindo as irregularidades que presenta a estrada e executando traballos complementarios como o de bacheado, recrecido de pozos e rexas, corte de pavimento ou desbroce e limpeza das marxes.

As melloras deste camiño entre a Estrada da Rotea e o Alto de Parada suporán un investimento de máis de 50.000 euros, dos que case 42.000€ serán cofinanciados a través de fondos propios e do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Xunta de Galicia.